Centola e cebola

sep 14, 2017

Festa de bolas

Levo a preparar varios meses a miña reacción ante a primeira invitación a unha festa de bolas como corredor novato de maratóns. Non sei como vou reaccionar, pero sei que a primeira marcará ao resto e será aí cando haxa que dicir até onde se está disposto a chegar. Unha das cousas que máis temo da paternidade é se ter que relacionar con outros pais simplemente por levar aos nenos á mesma gardería e comportarse como o resto… porque o resto compórtase así.

As festas de bolas simbolizan o que me horroriza deste novo xeito de entender a crianza dos cativos. Que é iso de convidar a toda unha clase a unha festa? Digo eu que os nenos terán que aprender a escoller e a entender que un non é amigo de todos. Hai xente á que lle caes mal, abúrreslle ou para a que non existes. Pero, ¡claro!, nesta teima que temos de envolver aos cativos en nubes de algodón, facer que se enfronten aos sentimentos negativos é unha aberración. Manda carallo.

sep 11, 2017

Pantalóns de pana

Hoxe pecha a piscina e acabo de pór pantalóns de pana. Queda inaugurado o outono.

Hai exactamente un ano que estamos no inferno e un ano que levo gardando un anaco de Emmental barato para ver se mellora tras telo pechado na neveira durante 12 meses. Cando fora ao curso de elaboración de queixos an A/B Cheesemaking en Nantwich, probara un Cheddar que fixeran uns alumnos catro anos atrás. Delicioso. O tempo obrara marabillas nalgo que non tería tido calidade de abondo para comercializarse. Veremos que a que sabe ese anaco de queixo malo que merquei no súper.

sep 09, 2017

Inferno

Son case as seis e media da mañá. Hai unhas semanas o meu fillo pequeno (uns minutos máis novo que o irmán) comezou a chorar con fame sobre estas horas, entre as 5:30 e 6. Súmolle isto a vivir nun barrio onde so hai centros comerciais, oficinas e urbanizacións con pista de pádel e non se me ocorre nada máis parecido ao inferno.

Oh, o maior decide chorar...

Como dicía, o meu barrio é un inferno. Pero é un inferno traidor. Hai moito verde, as beirarrúas son amplas e arboladas, os coches paran nos pasos de peóns e hai xente sana correndo arriba e abaixo. É unha localización perfecta para o vídeo promocional dun lugar feliz, pero unha observación máis cercana revela que esta apareciencia de normalidade é unha capa para unha realidade horrorosa. Na nosa urbanización decidirón quitar o césped natural e poñelo artificial para evitar “bichos” (formigas e abellas) e un veciño cortou todas as enredadeiras do seu xardín para substituilas por fotografías dun bosque. Os veciños non esperan por ti nin para subir no ascensor, nin para pasar co seu coche antes de que ti remates a túa maniobra. Moitos saúdan cun gruñido.

Pero o peor é que non hai bares con xubilados pasando o día na barra. Para iso teste que ir ao "casco histórico", tal e como reza unha indicación á entrada de Alcobendas, un conxunto de edificios baratos dos anos 60 con moito máis encanto que o meu barrio. Á poboación aborixe agora súmenselle á inmigrante, grazas aos cales temos negocios como o Damasco, un restaurante sirio cunha comida caseira deliciosa. Benvidos sexan todos eles, que coas súas arepas, empanadas e kibbeh romperon co monopolio da porra e as patacas bravas.

O neno maior, rematado o seu biberón, pide colo. Abonda por hoxe. Bo día…

jun 30, 2017

Cruza Amazon datos coa miña muller?

Eu son madrugador e María vai tarde para cama. Eu fago as miñas compras en Amazon pola mañá diante do ordenador de sobremesa mentras tomo o café e ela na tablet polas noites antes de ir durmir; eu, libros e artigos deportivos; ela, roupa e xoguetes para os nenos.

As recomendacións que recibo por correo son as clásicas de produtos xa vistos ou similares, máis esta mañá recibín un correo suxerindo unha lista de xoguetes para a praia sen ningunha relación cos meus padróns de navegación. Mais, como sabe Amazon que teño fillos? Estas recomendacións cadrán perfectamente co que busca e compra María, mais non eu. A posibilidade de que usara a miña sesión na tablet está descartada porque uso un xestor de palabras chave que so teño instalados nos meus ordenadores, non no iPad (xera combinacións moi seguras, do estilo ahvKMMCX6T@ntwJ4@gPm, que nunca vou memorizar, o que significa que so teño abertas sesións nas máquinas onde está instalado o xestor).

A única posibilidade que se me ocorre é que crucen datos de María e meus, usando a nosa IP ou cookies de sites asociados (que si uso no iPad) para identificar as nosas contas e asocialas a unha mesma familia.

jun 26, 2017

10 días cun Slimbook Katana

O meu desencanto con Apple comezou cando decidín substituir o portátil por un iPad Pro. Con esa pantalla, un teclado bluetooth e unhas poucas apps tería un aparello lixeiro e potente para traballar onde quixera (non pensaba adicalo ao desenvolvemento). Pero o funcionamento era tan impredecíbel (atallos de teclado que deixaban de funcionar, acentos duplicados, a barra espazadora non funcionaba no último carácter da primeira liña das mensaxes de Inbox… ) que acabou convertido nunha televisión portátil.

Logo decidín deixar o desenvolvemento de apps —unha tecnoloxía cara, pechada e onde tes que acatar as decisións de Apple— para centrarme no mundo web. Sen ser escravo de Xcode, non había motivos para seguir a traballar con Apple e podería aumentar a miña produtividade se o meu portátil tivera o mesmo sistema operativo que os servidores do traballo, pelexándome so coas particularidades de Ubuntu. Comecei, daquela, a buscar portátiles con Linux.

Un dos criterios para escoller ordenador era que fóra bonito (sonche así de frívolo) e, tras ler unha entrada en Onda Hostil, decidín mercar un Slimbook Katana, un ultrabook lixeiro cun deseño semellante ao do Macbook Air.

Cando recibín o paquete, a decepción foi case inmediata. Parecer, parécese a un Macbook Air… cando ollas para el de lonxe, xa que había demasiados detalles que o convertían nunha imitación barata: a batería apenas duraba 2 horas e media, algo inadmisíbel nun portátil; as teclas eran frouxas e imprecisas resultaban incómodas ao teclear rápido; cando pechabas o portátil, a pantalla e o teclado non quedaban perfectamente encaixados; a webcam tiña unha resolución dos 90... Por 900 € non esperaba os acabados dun Macbook, pero tampouco un portátil barato que me enfadaba cada vez que o usaba. Finalmente, decidín devolvelo.

Optei por pribar cun ThinkPad 440. Cando o saquei da caixa, a sensación foi a de estar de novo ante un ordenador ben feito. Non é tan bonito coma os Apple, pero é sólido e con detalles ben pensados nun ordenador de traballo, como a batería doble e un teclado excelente.

Agora teño un ordenador sen glamour, pero cun sistema operativo moi fléxíbel e rápido nun ordenador fiábel onde podo mudar o que precise segundo as miñas necesidades. Esta liberdade ten as súas contrapartidas e hai ocasións nas que tes que fedellar co aparello, mais prefiro o espíritu liberal de Ubuntu que a dictadura comunista de Apple que dicta o que é bo sen nos deixar desviar nada do camiño marcado por eles.

abr 17, 2017

Tres meses sen smartphone

Cando xa estabamos case listos para nos deitar, vimos que un dos cativos estaba cheo de ronchas. Chamamos a un taxi e saín pitando a urxencias. Foi unha reacción alérxica corrente que se solucionou sen problemas e con consecuencias moi positivas: nalgún momento desa madrugada perdín o meu iPhone.

A idea de mudar de teléfono para un máis simple xa a tivera considerado anteriormente, mais o sentimento de culpa por ter e non usar un aparello de 700 € fai difícil tomar a decisión de gardalo nun caixón. A perda fíxoo o paso máis sinxelo a aos poucos días merquei un mancontro de 14 € que incluso pode enviar MMS.

Nestes últimos tres meses a contemplación ten substituído á distracción. Onde antes baixaba a cabeza para comprobar likes, comentarios e actualizacións, agora baleiro a miña ollada no meu arredor mentras a mente salta de teima en teima diante dun viño ou café. Tampouco teño tido moitos problemas para chegar aos sitios e simplemente teño que pór atención nos sinais no canto de seguir cegamente ás indicacións de Google Maps e preguntar cando me perdo.

Hai uns dez anos, coa chegada do primeiro iPhone, seguía con interese a un tipo dunha axencia londinense das gordas que apostara con forza polo dixital e que falaba dalgo que chamaba "personal streams" ou similar, onde cada un de nós podería distribuír fíos de datos con nodos de interacción multiformato grazas aos smartphones. En definitiva, unha trapallada coa que estiven fascinado coma un parvo diante dun anaco de pirita. Levoume unha década decatarme de que as interaccións persoais son moito máis gratificantes na barra do bar e que para estar ao día é mellor fuxir do ruído das redes socias eler un par de xornais decentes deixando a tarefa de informar aos que saben diso.

mar 02, 2017

Ideas para comer ben e cociñar pouco

Coidar de dous bebés de pouco máis dun ano é un traballo moi esixente. E se un gosta de comer ben e variado, os menús diarios ou a dieta do ovo cocido que suxeríu a nosa pediatra non son opcións que considere. Que facer, daquela? Resignarse? Nin de broma. Isto é o que aprendín nestes 14 meses.

Compra 15 tupers do 0,5 L

Ademáis de tempo, precisas manter a calma cando apenas durmiches 5 horas. Desespérame ver un caixón cheo de tupers de tamaños variados, case ningún con tapa. Cando están ordeadiños, un dentro de outro, ocupan pouco e non perdes tempo buscando partes.

Acho que medio litro é unha medida versátil.

Compra dúas potas altas grandes

Os dous erros máis comúns que comete a xente na cociña e usar potas e tixolas pequenas onde a comida acaba rebordando. Cunha pota grande mancharemos moito menos a cociña e poderemos facer cantidades xenerosas para conxelar.

Usa potas de 10 ou máis litros de capacidade e asegúrate de que caben comodamente ao usalas ao mesmo tempo.

As legumes son un comodín

Son sinxelas de facer, nutritivas, sabrosas e conxélanse estupendamente. Tes dúas opcións: os potaxes europeos tipo fabada ou minestrone ou ollar para Próximo Oriente e buscar sabores máis frescos. Por exemplo, sempre que cozo garabanzos, fágoo en cantidades xenerosas para improvisar un aperitivo rápido condimentándoos con zume de limón, allo e pirixel picado, comiño, aceite de oliva e sal (este prato chámase balila)

Non planifiques menús semanais

Son difíciles de seguir é so xeneran estrés. Unha das miñas descubertas máis útiles, grazas ás compras enormes e sen sentido da miña muller, foi que tendo que gastar ingredientes si ou si, pensas menos e descansas máis. O exceso de liberdade é difícil de xestionar e unhas poucas restriccións farán que te centres.

Compra o que vexas de oferta ou con boa pinta e logo decide como gastalo.

Come guisos e sopas mestas con acompañamentos lixeiros

Os pratos de cocción lenta que precisan pouca anteción son moi prácticas. O problema é que moitas veces poden facerse pesados ou monótonos. Alegra a mesa con encurtidos, hortalizas (pepinos, fiuncho, cabaciño, apio, ceboleta, rábanos, cenoura…) aliñadas con sal, zume de limón ou vinagre e un chisco de aceite de oliva, e herbas frescas como a alfábega, pirixel, coentro ou menta. Esta práctica é moi común no mundo e deberíamos copiala.

ene 22, 2017

Que sabe Facebook de ti?

É habitual asumir que Facebook sabe de nós o que nós decidimos e que temos o control sobre a nosa privacidade, mais a información que posúe colléitase dun xeito opaco e fica alén do que a maioría imaxinamos.

Decateime disto despois de ter borrado a miña conta persoal, mentras configuraba unha nova con datos inventados para xerir unha páxina do traballo. Din un enderezo de correo que so usamos para rexistros de servizos, que non usa interfaces web que poidan deixar cookies e sen axenda de contactos asociada que Facebook puidera ler. Non me podía crer que me estivera a suxerir como amizades á miña muller, os habituais do bar de Vigo, compañeiros de escola e facultade e profesionais cos que traballo. A máquina tiña tanta información de min que sabía con total seguridade quen era. Non digo que os meus datos persoais e redes de contactos estiveran gardados nas súas bases de datos, senon que tiñan (e supoño que aínda teñen) información de abondo para identificarme perfectamente sen necesidade de chamarme polo meu nome. Parece claro que, ademáis das nosas accións voluntarias, Facebook colleita información persoal sen que nos decatemos e identifica os ordenadores que usamos habitualmente para gardar as nosas pegadas na rede e construir un grafo moi preciso en base á nosa actividade en internet nunha intromisión na nosa intimidade que a maioría descoñece.

Ademáis, as consecuencias do uso comercial desta información son máis profundas do que pode parecer. Facebook (ou Google) vende a información sobre os seus usuarios á outras compañías para que poidan facer campañas publicitarias dirixidas a clientes potenciais. Canto máis detallados sexan os perfís das persoas, máis capacidade para segmentar con maior precisión e máis valor terán eses datos (é dicir, é menos útil para unha empresas un médico na Coruña que usa un iPad que un traumatólogo de Juan Flórez que traballa na clínica privada tal, que compra a roupa en x, come no restaurante y e conduce entre a a b de luns a venres co coche z), polo que a empresa ten un interese especial por mellorar a súa capacidade de seguirnos.

Este filtro tamén se usa para servirnos contidos que consideran que poden ser do noso interese. E así vivimos nunha burbulla onde so vemos as opinións coas que concordamos e raramente cruzámonos coas visións opostas tan necesarias para ter unha sociedade viva, aberta e dialogante.

Non son un paranóico que crea que Facebook ten un plan maligno para dominar o mundo nin o considero unha amenaza para a democracia, pero si que é preciso esixirlle máis transparencia. Tamén sería desexable atopar o xeito de non fomentar burbullas, aínda que creo que iso é máis unha cuestión de educación que de regulamento (como ben dixo o meu amigo Eduardo, se mandas aos fillos a unha escola pública verán ver un mundo coas súa variedade e problemas; nun colexio privado, non. E sabemos ben do que falamos porque ámbolos dous pasamos moitos anos nunha burbulla en Feans).

ene 08, 2017

Ola mundo

As teorías de bar son tan sólidas como o fume dos charutos que as acompaña e xa estou canso de arranxar o mundo cada vez que baixo ao Pasillo. Resumir o que me anda polo miolo —internet e democracia, Galicia, novos modelos de negocio— axudarame a ordenar ideas.

Fareino neste espazo público porque preciso do compromiso que se crea co lector anónimo unha vez un exponse en internet. Ou sexa, que este blog será (ou non) froito da disciplina e non dunha pulsión creativa. Ando á procura dun rello e non se me ocorre outro mellor que a publicación semanal dun post.

Lectura anónima

Este verán comecei a ler o libro Free Speech: Ten Principles for a Connected World, unha proposta para mellorar a liberdade de expresión grazas a internet. Unha das reflexións máis chocantes para min é a que trata sobre o poder que lle estamos a dar ás grandes empresas tecnolóxicas que non responden máis que ante os seus investidores. Ademáis de cancelar a miña conta en Facebook, Whatsapp, abandonar Twitter e Instagram e pasarme dun iPhone a un mancontro, tamén decidín non instalar Google Analytics neste blog pola cantidade de información que é capaz de colleitar sen nos decatar. Se tivera que explicar as razóns en paragrafos breves e claros, non sería capaz, xa que este é un tema sobre o que aínda decido por intuición, pero volverei sobre isto cando sexa capaz de artellar un discurso cun mínimo de interese.

Até a vindeira semana.